viernes, 26 de octubre de 2007

Heroes da infancia II


Contaba eu con 13 anos cando tiven a oportunidade de escoitar en directo (esta vez si, riguroso directo) no Palau de la Música de València ao frautista francés Jean Pierre Rampal. Ademáis era un dos primeiros concertos que tiña a oportunidade de escoitar en directo; meu pai, enterouse pola prensa e inmediatamente fixo todo o posible para conseguir as entradas; e qué entradas... 2ª fila do patio de butacas. O primeiro que lembro é a espera, sentado, preguntándome ¿e como será? Eu tiña creada a imaxe dun señor alto, imponente, serio e tal vez un pouco fachendoso, pero non paraba de pensar que esa imaxe era producto da miña imaxinación e que podía estar moi trabucado, e realmente o estaba; cando saiu a o escenario vin a un señor maior cunha mirada humilde de alguén que tiña vivido moito; tiña a imaxe do perfecto avó, e qué sorpresa tiven cando vin que me guiñaba un ollo antes de afinar coa orquestra! Digo eu que debeu quedar alucinado ó ver un rapaz de 13 anos en segunda fila, rodeado de xente maior e coa boca aberta como se estivese a ver a Superman, e decidiu guiña-lo ollo. O caso é que o mellor estaba por vir; cando comezou a tocar o concerto para frauta e orquestra en Re Maior de Mozart pareceume que non era posible, aquela amabilidade ó tocar, aquel son, aquela seguridade, e sobre todo aquel señor maior disfrutando tanto sobre o escenario tocando o instrumento que un ano antes eu decidín tocar. Foi outra experiencia que non esquecerei. Pero xa é bastante de falar de mín. Moitos coñecedes a Rampal moito mellor que eu, pero moitos, como no caso de Galway, sodes demasiado cativos como para coñecelo, así que deixovos a continuación un enlace que levaravos ós datos biográficos de Jean Pierre Rampal na Wikipedia (unha enciclopedia virtual); paga a pena adicarlle uns minutos pois a súa vida foi moi intensa e interesante.

http://es.wikipedia.org/wiki/Jean-Pierre_Rampal


E como non, aquí tedes tamén un video no que o escoitaredes tocando o primeiro movemento do Concerto para Frauta e Orquestra en Re Maior K.V.314 de Mozart, esta vez con moitos anos menos (e un video moi antiguo).





Espero que disfrutedes moito e lembrade que é posible deixar comentarios.


Boas noites.

No hay comentarios: