martes, 20 de noviembre de 2007

Escolas


Sei que moitos e moitas tedes a inquietude de ampliar estudos unha vez rematedes o grao superior, e que estades a pensar moitas veces en como sería facelo no estranxeiro; incluso atreveríame a dicir que moitos e moitas xa tedes esta inquietude cando ainda estades rematando o grao medio. Pois ben, hoxe vou facilitarvos información de interese para todos aqueles que estades interesados en ampliar estudos no estranxeiro. A miña opinión é que trátase dunha oportunidade interesantísima sempre e cando teñades MOI claro onde estudiar e con quen. Aquí tedes os enlaces.

Guildhall School of Music and Drama (Londres)
Royal Academy of Music (Londres)
Royal College of Music (Londres)

Conservatoire National Superieur de Paris (París)

Hochschule für Musik "Hanns Eisler" (Berlín)
Orchester-Akademie der Berliner Philharmoniker (Academia da Orquestra Filharmónica de Berlin), en esta será máis fácil se facedes click na marxe dereita onde di "english", e despois, na mesma marxe onde di "Academy".
Akademie des Symphonieorchesters des Bayerischen Rundfunks (Academia da Orquestra da Radio de Baviera, Munich)
Orchestra Academy of the Munich Philharmonic (Munich)

Universität Mozarteum Salzburg (o mesmo, click en "english")

Conservatoire de Musique de Genéve, Haute Ecole de Musique (Ginebra)

So publiquei enlaces de escolas das que teño boas referencias directas, ben por experiencia persoal coma por experiencias de frautistas coñecidos por min.
Agora deixovos tamén uns enlaces de Orquestras xoves onde se da formación ós xoves músicos.

Joven Orquesta Nacional de España (JONDE)
European Union Youth Orchestra (EUYO)

Gustav Mahler Jugend Orchester (GMJO)
Verbier Festival Orchestra
Pacific Music Festival (PMF)

E agora falemos de cartos; en Londres, se facedes o BMus (o equivalente ó Grao Superior) hai axudas da Unión Europea que pagarán a matrícula e ademáis se tramita dende a mesma escola, se facedes o Postgraduate tedes que atopar tódalas axudas posibles pois é unha matrícula moi cara da que a Unión Europea non se fai cargo. En Alemania as matrículas son practicamente gratuitas e ademáis hai cursos de alemán para estranxeiros pagados polas escolas. Non sei como va o tema das matrículas en Ginebra, París e Salzburg, teredes que atopala información vos. Pero claro, tamén hai que viaxar, vivir e comer, e por iso tedes a continuación uns enlaces de becas moi interesantes.

Becas do Ministerio de Educación e Cultura
Becas da Fundación La Caixa
Becas da Fundación Barrié de la Maza
Becas da Fundación Caixa Galicia

Becas da Fundación Caja Madrid
Becas da Obra Social Bancaja
Información de becas en xeral (MOI INTERESANTE)

En fin, iso é todo por hoxe.
Boas noites.

pd. aquí tedes un enlace da Orquestra Xove Gustav Mahler (Gustav Mahler Jugend Orchester) tocando parte do Adagio da 10ª Sinfonía de Mahler.


martes, 6 de noviembre de 2007

Artesanía

Unha das dúbidas que tiven dende que comecei a toca-la frauta foi, e isto ¿como se fai? Parecíame moi complicado e non podía imaxinar cómo podíase facer unha frauta. Un día, despois de face-los deberes, por casualidade, atopei un programa na UHF (actualmente La2); tratábase de un documental no que mostraban o procedemento de fabricación dunha frauta traveseira; pareceume fascinante, toda unha labor de xoiería e precisión. Isto axudoume a comprender moitos dos rudimentos do funcionamento mecánico da frauta. Non tiven a oportunidade de facerme co documental aínda despois de telo buscado durante moito tempo, pero, non hai moito atopei en YouTube outro documental, distinto, que mostra bastante ben o procedemento de construcción dunha frauta traveseira. Aquí tedes o enlace, pero teño que diciros, outra vez, que é imprescindible defenderse co inglés, pois desgraciadamente aínda non atopei materíal en castelán ou galego que fale do tema.

http://www.youtube.com/watch?v=DHSu0trGkRg

Espero que vos resulte igual de fascinante ca min.


Boas Noites.

Traverso


Primeiro quero pedir disculpas por non ter publicado nada ata hoxe (aproveitei moito o festivo). Moitos e moitas sabedes o que é un traverso, a frauta que se tocaba no periodo barroco e o clasicismo (s.XVII e XVIII); moitos sabedes que era unha frauta de madera con buratos e unha soa chave; e moitos sabedes que é un instrumento que está en plena moda. E da moda do traverso vou falar hoxe, especialmente do que se atopa detrás da moda. Anos 50; varios músicos europeos comezan a preocuparse por rescata-la música do barroco e o clasicismo coa sonoridade orixinal, tocando instrumentos pertencentes ás épocas correspondentes ás da música que interpretaban, e non tiñan nin idea de que hoxe, no 2007, sería algo que estaría tan de moda, pero, ó contrario do que acontece hoxe en día, era unha xente comprometida co que facía. Preocupáronse inicialmente por facer unha profunda labor de investigación. Estudiaron a fondo os grandes tratados editados; Hotteterre, Quantz, C. P. E. Bach, L. Mozart, etc. Buscaron os puntos en común e trataron de comprender os por qués das diferencias. Aplicaron tódalas ideas á interpretación sen deixar atrás outra labor de investigación; era importante ter claro o manuscrito orixinal, o momento da vida do compositor no que foi composta a peza, onde se tiña pensado interpretala inicialmente, características acústicas do lugar para o que foi pensada (igrexa, sala de cámara dun pazo...), adaptar todos estes coñecementos á interpretación co instrumento da época tendo en conta a escritura do compositor, e que o compositor compoñía tendo en mente a combinación do instrumento e a sala na que se tiña pensado tocar (así como as cualidades técnicas do frautista para ó que compoñía). En fin, moitas cousas ás veces obxectivas e ás veces subxectivas que hai que ter en conta para poder toca-lo traverso con rigor; pero como di Nikolaus Harnoncourt, non todo é rigor, tamén é importante manter a capacidade de comunicar. ¿Qué importancia ten entón a interpretación co traverso? Para mín é unha parte sustancial do traballo de documentación e rescate das sonoridades do barroco e o clasicismo, que proporciónanos as pistas axeitadas, para poder trasladar á frauta moderna unhas pautas de interpretación , sen perder a capacidade de comunicar, máis respetuosas coa idea inicial do compositor e coa forma de tocar barroca e clásica. Sei que é difícil ter a oportunidade de tocar cun traverso, ou ter os cartos suficientes para mercar un (xa me gustaría ter un!); así que o que facemos moitos frautistas é documentarnos acudindo ós mesmos tratados, acudindo ós libros que estos grandes especialistas dos anos 50 teñen publicados e acudindo ó material audiovisual que estos especialistas están a deixar hoxe en día; e por suposto, os que teñen a posibilidade, poden ter clases con estes grandes especialistas. Conclusión, hoxe en día temos moitas vantaxes para que esta labor de investigación combinada co noso talento sexa moito máis agradable e productiva; entón, ¿por qué teño a sensación de que a xente está esquecendo precisamente a parte máis interesante do traballo de recuperación da música barroca e clásica, e soamente se preocupa por tocar, sen comprender moitas veces o que se está a tocar? O debate esta aberto, e podedes deixar vosas opinións nos comentarios se queredes. E como non aquí tedes un exemplo: os irmáns Kuijken tocando a Obertura da Suite N. 2 de J. S. Bach en Si menor.
Disfrutade.

http://www.youtube.com/watch?v=v_RwyLFiAFU


Boas Noites

miércoles, 31 de octubre de 2007

Flamenco


O outro día falabamos do Rock e as posibilidades que un instrumento como a frauta pode ofrecerlle. Hoxe só quería mostrarvos outra incursión da frauta nun estilo que non se aprende nos conservatorios galegos, o flamenco. De feito, creo que incluso nos conservatorios andaluces a única especialidade relacionada co flamenco é a guitarra flamenca (correxideme nos comentarios se me trabuco). A min particularmente paréceme un estilo moi interesante e ás veces un descoñecido (falo por mi), pois gústame o que escoito pero non teño moita idea dos rudimentos e os cimentos do flamenco; o único que sei é que cada vez hai máis frautistas adicándose ó flamenco e o resultado en algúns casos é fantástico. Paréceme que é un estilo que permite desenrolar unha creatividade baseada nunhas pautas, que en moitos casos transmítense de xeración en xeración, e en outros apréndense con esforzo e dedicación. Os frautistas flamencos empregan todo un abanico de cores, efectos sonoros e recursos expresivos que se asemellan moito ós do Jazz; a diferencia é que baseanse tanto harmónicamente e sobre todo rítmicamente nuns esquemas predeterminados que creo que se chaman Palos (correxídeme de novo se non é así). Como vedes descoñezo bastante este tema, así que invito ós que o coñecedes máis profundamente a que deixedes comentarios para instruirnos a todos un pouco; miña labor, neste caso, será acercarvos unha posibilidade máis que ábrese camiño con moita forza no panorama frautístico.
A continuación, uns enlaces con algúns exemplos da integración da frauta no flamenco. Disfrutade.

Exemplo1
Exemplo2
Exemplo3

Boas noites

martes, 30 de octubre de 2007

Respiración Circular


Se aos máis cativos pregúntovos que é a respiración circular seguramente non teredes moi claro como explicalo; se o pregunto aos máis experimentados o teredes claro pero supoño que estaredes dacordo en que non é nada fácil nin de facer nin de explicar. Eu vou face-lo intento de explicalo.
A respiración circular é un procedemento que consiste básicamente en inspirar aire pola nariz sen deixar de soprar. Si si... é moi complicado. Hai que acumular aire na cavidade bucal (inflando as moufas), exercer presión coas moufas e a lingua (coma un émbolo) para expulsa-lo aire con certa forza, todo esto mentres inspiramos pola nariz! Temos que ter en conta que ademáis, mentres inspiramos pola nariz, a cavidade bucal ten que quedar aislada do resto do sistema respiratorio, coa axuda da parte derradeira da lingua que pechará o paso de aire entre os pulmóns e a boca!
E moitos pensaredes que para qué serve esta técnica; e eu vos digo, ¿lembrasche de esa frase tan longa que hai que tocar na Peza para frauta soa de Jacques Ibert (por poñer un exemplo)? ¿Esa frase que sempre tes que cortar para respirar? Pois con esta técnica non terías que preocuparte por iso, pois non cortarías a frase por ningures. Hai que dicir que é unha técnica moi avanzada que moi pouca xente é capaz de dominar á perfección, pero creo que paga a pena adicarlle uns minutos ó día e intentalo. Recoméndovos un libro de Robert Dick que recolle exercicios moi interesantes para traballa-la respiración circular; chámase "La Respiración Circular del Flautista" editado por Mundimúsica. Dicirvos que é importante ter moi claros os rudimentos da respiración diafragmática e os da emisión do son para intentalo, e que sobre todo teñades a guía do profesor para non cometer erros importantes nin forzar músculos. E como non, no seguinte enlace tedes un exemplo. É posible que non vos guste o que toca o frautista pero é indiscutible que domina a técnica da respiración circular.

http://www.youtube.com/watch?v=4ddSSx7HsH0


Tedes outros exemplos na oferta discográfica. Un de eles é a frautista israelí Sharon Bezaly; ten dominada a técnica á perfección, e ATENCIÓN, o mes de novembro temos a oportunidade de escoitala en directo no Auditorio de Valladolid (15 e 16 de novembro para ser exactos) acompañada pola Orquesta Sinfónica de Castilla y León e LIbor Pesek á batuta (gracias Olalla por avisar). Tocará o Concerto Pastoral de Joaquín Rodrigo (unha das pezas tecnicamente máis dificiles escritas para a frauta) e terá moitas oportunidades para emprega-la técnica que temos falada hoxe. Na imaxe da entrada tedes tódala información.

Espero que traballedes moito esta e moitas técnicas máis e que deixedes comentarios cos logros acadados!
Boas noites.

sábado, 27 de octubre de 2007

Rock


Todos somos conscientes de que a formación que recibimos nos conservatorios é básicamente clásica. Trabállase para formar músicos de orquestra, músicos de cámara, solistas ou futuros profesores dunha tradición clásica. Todo isto é así dende hai moitos anos, pero teño a esperanza de que pouco a pouco cambiará, e poderase recibir unha educación moito máis ampla que abranga máis estilos; estilos que actualmente só poden aprenderse nalgunhas escolas especializadas (bastante caras) ou por pura intuición.
Hoxe va de Rock. Creo que somos moitos os que adoramos este estilo que é o grande protagonista da historia da música dos séculos XX e XXI. Moita xente pensa que a música do século XX caracterízase por unha falla de unificación de criterios de estilo, e que os compositores non tiñan claro un camino a seguir na evolución da música. Eu non estou dacordo; penso que a evolución levounos precisamente ao Jazz e ao Rock que son os dous grandes pilares da música moderna e contemporánea. Con isto quero dicir que sería estupendo que, pouco a pouco, os músicos formados en conservatorios ampliaramos as miras para acercarnos aos dous grandes estilos do século XX, e así enriquecer un mundo de formación clásica que quedou tan enrarecido que agora mesmo se está a disfrutar máis de recuperar a grande música do derradeiro Renacemento e o Barroco.
Alá polo ano 1969, un grupo de Rock chamado Jethro Tull, liderado polo frautista irlandés Ian Anderson, foi éxito de ventas cunha versión rock que fixeron dun Boureé de J. S. Bach. Creo que o mellor é que o escoitedes; só direi que xa me gustaría que nas clases de conxunto tamén poidérase ensinar isto. Observade a plena integración da frauta nunha agrupación de rock e pensade que todo isto xa pasou no 1969.

Boas noites.

viernes, 26 de octubre de 2007

Heroes da infancia II


Contaba eu con 13 anos cando tiven a oportunidade de escoitar en directo (esta vez si, riguroso directo) no Palau de la Música de València ao frautista francés Jean Pierre Rampal. Ademáis era un dos primeiros concertos que tiña a oportunidade de escoitar en directo; meu pai, enterouse pola prensa e inmediatamente fixo todo o posible para conseguir as entradas; e qué entradas... 2ª fila do patio de butacas. O primeiro que lembro é a espera, sentado, preguntándome ¿e como será? Eu tiña creada a imaxe dun señor alto, imponente, serio e tal vez un pouco fachendoso, pero non paraba de pensar que esa imaxe era producto da miña imaxinación e que podía estar moi trabucado, e realmente o estaba; cando saiu a o escenario vin a un señor maior cunha mirada humilde de alguén que tiña vivido moito; tiña a imaxe do perfecto avó, e qué sorpresa tiven cando vin que me guiñaba un ollo antes de afinar coa orquestra! Digo eu que debeu quedar alucinado ó ver un rapaz de 13 anos en segunda fila, rodeado de xente maior e coa boca aberta como se estivese a ver a Superman, e decidiu guiña-lo ollo. O caso é que o mellor estaba por vir; cando comezou a tocar o concerto para frauta e orquestra en Re Maior de Mozart pareceume que non era posible, aquela amabilidade ó tocar, aquel son, aquela seguridade, e sobre todo aquel señor maior disfrutando tanto sobre o escenario tocando o instrumento que un ano antes eu decidín tocar. Foi outra experiencia que non esquecerei. Pero xa é bastante de falar de mín. Moitos coñecedes a Rampal moito mellor que eu, pero moitos, como no caso de Galway, sodes demasiado cativos como para coñecelo, así que deixovos a continuación un enlace que levaravos ós datos biográficos de Jean Pierre Rampal na Wikipedia (unha enciclopedia virtual); paga a pena adicarlle uns minutos pois a súa vida foi moi intensa e interesante.

http://es.wikipedia.org/wiki/Jean-Pierre_Rampal


E como non, aquí tedes tamén un video no que o escoitaredes tocando o primeiro movemento do Concerto para Frauta e Orquestra en Re Maior K.V.314 de Mozart, esta vez con moitos anos menos (e un video moi antiguo).





Espero que disfrutedes moito e lembrade que é posible deixar comentarios.


Boas noites.

jueves, 25 de octubre de 2007

Heroes da infancia


Lembrádesvos da pimeria vez que escoitachedes a un gran frautista? qué sensacion quedouvos despois? esa sensacion de que a frauta puiderase tocar tan ben?

Ben, pois tódalas sensacións que lembrades as tiven eu cando era un rapaz de 12 anos e escoitei por primeira vez, nunha cinta de cassete, a James Galway. Foi unha experiencia que quedará impresa na miña memoria para toda a vida. Poderíase dicir que durante moito tempo foi o frautista máis famoso xunto a Jean Pierre Rampal; eran os dous grandes referentes.

Hoxe quero facer unha homenaxe a James Galway e vou introducir uns datos biográficos moi básicos para todos aqueles que sodes demasiado cativos como para coñecerle.

James Galway naceu en Belfast e cando era cativo comezou a tocar o "pennywhistle" (unha frauta típica irlandesa feita de metal cunha boquilla que lembra á da frauta de bico). Máis adiante comezou coa frauta traveseira; estudiou no "Royal College of Music" e na "Guildhall School of Music and Drama" en Londres, e máis adiante marchou a París onde estudiou no Conservatorio Nacional Superior. A súa carreira profesional a comezou na "Sadlers Wells Opera" e no "Covent Garden" o que levouno a traballar na Orquestra Sinfónica da BBC (coma frautín); a Orquestra Sinfónica de Londres e a Royal Philharmonic Orchestra onde tocou coma frauta principal ata que en 1969 convértese en frautista principal da Orquestra Filharmónica de Berlin. En 1975 deixa a orquestra para iniciar a súa imparable carreira coma solista internacional (concertos, recitais, clases maxistrais, música de cámara, etc) e coma Show Man... si, si.. encántalle facer discos da música preferida dos nosos pais con arreglos e produccións acordes co estilo da mesma. Esta é a situación que mantén actualmente aínda que de forma máis relaxada, enfocándose cada vez máis na docencia. A continuación, no seguinte enlace, teredes a oportunidade de escoitarlle o Syrinx de Claude Debussy:


E o seguinte enlace é o da súa páxina web onde atoparedes moitísima información; eso sí, teredes que poñer en práctica os coñecementos de inglés!

Espero que o disfrutedes, tanto se os serve para lembrar como se é a primeira vez que o escoitades.

Saúdos e boas noites.

miércoles, 24 de octubre de 2007

O encanto do directo...


Cómo me gustaría ter a oportunidade de escoitar en directo aos frautistas máis importantes do panorama internacional en Galicia! A pena é que non temos os cartos necesarios como para organizar este tipo de concertos; entón, o que nos queda é atopar os medios que nos permitan, aínda que non sexa o mesmo, disfrutar dos recitais que moitos frautistas están a ofrecer no planeta; e unha forma e o portal de videos YouTube. A continuación tedes os enlaces que levaranvos a un recital que o frautista Emmanuel Pahud ofreceu en Korea. Obviamente non se pode comparar co directo, pero paréceme importante poder observar distintas facetas que non atopamos nos Discos Compactos.

http://www.youtube.com/watch?v=_kvlTTEa1xg
http://www.youtube.com/watch?v=FcC0t2wxqHk
http://www.youtube.com/watch?v=w5evq7tDW9E
http://www.youtube.com/watch?v=uzJC6-c-WWg

Están en orden tódolos movementos da Sonata "Undine" de Carl Reinecke. Deixade comentarios no blog se queredes.
Disfrutade do concerto.

martes, 23 de octubre de 2007

Benvidos

Benvidas e Benvidos a este novo Blog adicado á información e ao entretemento dos frautistas. Trataremos, con certa periodicidade, de informar e atender as vosas peticións... dentro dos límites do noso coñecemento.
Comezamos...